O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 369, dous menos ca onte. Nas últimas 24 horas confirmáronse un total de 17 positivos novos por PCR.
Das 369 persoas contaxiadas, 20 permanecen ingresadas. O Hospital Público da Mariña atende tres pacientes con Covid-19, por 16 o HULA -entre eles os seis doentes da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos- e un o centro hospitalario de Monforte.
No histórico da pandemia documéntanse 141 defuncións, 6.286 altas e 6.798 casos acumulados. Fixéronse 118.424 PCR desde o inicio da pandemia, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 507 probas.
No tocante á situación epidemiolóxica dos concellos, Viveiro suma 44 positivos novos nos últimos catorce días, cunha taxa de incidencia acumulada de máis de 250 casos por 100.000 habitantes.
Burela e Xove son os outros municipios da comarca cunha cifra por riba dos dez contaxios novos en 14 días, 16 e 13 respectivamente; no caso do termo municipal xovense, tamén se sitúa por riba da taxa acumulada de 250 casos por 100.000 habitantes. Podes consultar o mapa do Sergas nesta ligazón.